lunes, 18 de febrero de 2008

Compostela foi un berro plural contra a destrución da terra galega

Onte, domingo 17 de febreiro, a cidadanía galega demostrou que sabe mobilizarse, que sabe expresarse e defender o ben común por riba de intereses partidistas.



De todos os recunchos de Galicia houbo pancartas alusivas ás desfeitas medioambientais e ecolóxicas: desde a desfeita consentida do Plan Acuícola ata o desbaldimento xerado pola "Cidade da Cultura", pasando pola saída da Planta de Gas de Reganosa do interior da ría de Ferrol, ou pola defensa dos nosos montes coma o Courel ou Groba, ou mesmo a defensa dun urbanismo non especulador e devastador (PXOM de Vigo, Parque Rosalía de Lugo) e, como non, a loita dos veciños e veciñas do Ribeiro para que non se convirta nun "vertedeiro", nun Sogama II.



Máis de 60 organizacións apoiaron o manifesto. A cidadanía, unha vez máis, adianta á clase política en conciencia social.



A recente moratoria para as piscifactorías, unido ao Plan Acuícola, son unha proba da sinrazón instalada no equipo de goberno da Xunta de Galicia. Non podemos tolerar as chantaxes das grandes empresas e permitir a desfeita do equilibrio na nosa relación entre ser humano, natureza traballo e sustentabilidade.



"Goberne quen goberne

Galiza non se vende!!"

jueves, 7 de febrero de 2008

Mesa Redonda sobre a aplicación da Lei de Dependencia no Concello de Santiago


O 14 de febreiro a Plataforma Cidadá Sociosanitaria organiza unha mesa redonda para analizar e debatir sobre a situación da aplicación da coñecida como Lei de Dependencia.

Trátase dunha Lei necesaria, pero como todas as Leis, para que teña realmente a súa funcionalidade e adquira o valor universalizante que debe ter o considerado 4 piar do Estado de Benestar, esta precisa dun preciso marco de financiación anual.

As persoas que precisan de maior autonomía e as persoas que viven hoxe coidándoas e axudándoas a que adquiran dita autonomía ben merecen que as administracións públicas traballen de forma seria.
E o que non pode ser é que se xogue coa aplicación da Lei de Dependencia situándoa nun contexto de redución dos impostos directos, nun contexto de infravaloración do sector público fronte ao privado ou, de forma clara, nunha filosofía privatizadora (ese é o medo existente, máis ben unha incipiente realidade, coa creación do Instituto de Benestar Social en Compostela).

miércoles, 6 de febrero de 2008

Santiago estará representada nas candidaturas ao Congreso e ao Senado

A nosa comarca estará representada nas candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado pola circunscripción electoral da Coruña.

En concreto, Xabier Ron, coordinador comarcal de Compostela, encabezará a candidatura para o Congreso dos Deputados. Iago Patiño, coordinador local de Ames, estará tamén na candidatura. En suplentes contamos tamén coas presenzas de Xosé Díaz, membro do consello comarcal de Esquerda Unida, e de Adriana Santiso, responsable de Muller na comarca. No senado tamén estamos representados por partida dobre, xa que Jaime Lage e Marta Marroquín, figuran como suplentes.

O venres 8 de xaneiro, no Hotel Puerta del Camino, ás 12 h, Esquerda Unida presentará as súas candidaturas. A nosa organización concorre cun fin moi claro: espir a carencia ideolóxica das restantes organizacións. A clase traballadora vive hoxe un claro retroceso en dereitos laborais conqueridos con moito esforzo e anos de loita sindical.

Hoxe, a maquinaria neoliberal desexa esquilmar a nosa contorna, só lles importa o máximo beneficio e a acumulación, por iso non dubidan en externalizar a produción -é exemplar a externalización textil-, que leva ao peche dos pequenos obradoiros de costura. Ollamos como as privatizacións se apoderan da esfera pública e así, prodúcese unha nova carencia no Estado de Benestar que se vai debilitando cada vez máis. Esquerda Unida quere frear e impedir a demolición das conquistas e dereitos sociais.

Denunciamos a mentira: NON É CERTO QUE REDUCINDO IMPOSTOS SE PODAN OFRECER SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE. As promesas de redución de impostos, ou do ofrecemento de 400 euros, ou a eliminación do imposto de sucesións, etc, son probas de que a socialdemocracia é un poderoso aliado da patronal e da banca.

Un goberno que aumentou o custo militar, mentres os seus bolseiros malviven con contratos-trampa. Un goberno que agora di ser aconfesional, pero non fixo nada porque non tivo valentía, para conquerir a neutralidade relixiosa nas escolas públicas. En definitiva, un goberno que actúa unicamente cando se achega o lobo electoral. As leis viñeron sen o pan debaixo. Por iso, os anuncios de mercadeo económico van en contra do desenvolvemento dunha Lei tan esencial como a da promoción da autonomía das persoas con dependencia.

Máis que nunca Esquerda Unida estará aí para facer ver que hai unha verdadeira esquerda en Galicia e que con nós esa esquerda estará en Madrid.

Cómpre esnaquizarmos o muro mediático que converte este país nunha confrontación entre PSOE-PP (a nivel federal), ou PSOE-PP-BNG ( a nivel nacional). A pluralidade vive nas rúas e cómpre escoitala.

Os compañeiros e compañeiras da comarca compostelá que estamos nas candidaturas traballaremos duro para dialogar cos composteláns e compostelás e convencer de que cómpre darlle forza ao noso proxecto alternativo e transformador, que recupera a centralidade participativa do feito democrático. Queremos que os problemas e asuntos da nosa comarca sexan tratados de forma máis axeitada e áxil.

A COSTA DE XANEIRO AUMENTA O DESEMPREGO EN COMPOSTELA


Existe, na escena das declaracións mediáticas, unha dobre distancia. A primeira distancia separa a política das persoas. É un universo paralelo ao que as persoas, a clase traballadora, accedemos a el a través de enquisas, estatísticas e numeroloxía que nos debuxan unha macroescena privilexiada, unha “liga das estrelas” ou restantes metáforas de autoenxalzamento. A segunda distancia relaciona ás persoas que conviven no día a día. É o universo propio e as persoas, a clase traballadora accedemos a el desde o mesmo momento en que botamos a camiñar día a día. Aquí, as conversas entremestúranse no traballo, na cafetería ou no quiosco de duras realidades que nos falan de hipotecas, de créditos persoais, de cómo se encareceu a cesta da compra, de cómo nos obrigan a vivir pendentes dun fío bancario. As conversas son reais e amosan preocupación. Na rúa hai unha clara apreciación de que a construción foi un “maná” que se quixo apurar a tope e que vai ir esmorecendo. Non houbo racionalidade construtiva. E tamén está a preocupación por ter que aceptar condicións laborais cada vez peores, precisamente por vivir no fío bancario. O mito da conciliación laboral e familiar tamén existe: ninguén o coñece. O fío é de natureza escura e perversa: fíxonos crer que sen hipotecarnos non seriamos nada, que para ser alguén hai que vivir consumindo, consumindo todo,...ata o planeta.

Nas rúas de Compostela esa preocupación tamén existe. Este mes medrou de novo o desemprego en 279 persoas ata chegar a 5851. En porcentaxes supón un aumento do 5%. O maior incremento desde agosto 2007. En termos relativos un 1,1% máis que a media galega. De novo, e xa van moitos meses seguidos, a muller é a que máis sofre as gadoupas do desemprego (3661 de 5851, un 62,57%). Por sectores o sector servizos viu como aumentaba o desemprego en 245 persoas (un 87,81% das persoas que se viron no desemprego este mes), incidindo en que o tipo de contratación no sector servizos é inestable e precario. A mocidade pregúntase onde están os investimentos prometidos en I+D+i, onde a transparencia á hora de asinar un verdadeiro contrato de bolseiro investigador e non un contrato-pantasma de tipo administrativo.

Os números están aí, podemos obvialos e podemos pensar que Galicia está mellor que España, onde xa se nota a desaceleración construtiva e que afecta, e moito, ás persoas inmigrantes. Pero a desaceleración chegará tamén a Galicia, xa que non vivimos nunha burbulla. Non estamos no universo paralelo debuxado pola xerarquía política. Nas nosas rúas faise sentir un vento frío e non é debido ao inverno, non.

Consello Comarcal de Santiago de Compostela
5-febreiro-2008